Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2022
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou as obras de reforzo do firme en tres estradas autonómicas da provincia da Coruña, que supoñen un investimento de máis de 1,5 M€.
A intervención que conta cun prazo de execución de seis meses, consiste na rehabilitación do firme de varios treitos das estradas AC-400, AC-406 e AC-546, ao seu paso polos concellos de Santa Comba, Tordoia, Coristanco, Cerceda, Mazaricos, A Baña e Negreira.
As actuacións en execución comezaron pola estrada AC-406, que comunica Santa Comba e Portomouro, ao paso polo municipio da Baña.
Os traballos nesta vía, así como no resto das estradas incluídas neste contrato, céntranse na reparación, rehabilitación e reforzo superficial do firme, adecuándoo ás súas necesidades funcionais e de durabilidade.
O reforzo do firme está encamiñado a restaurar ou mellorar as características superficiais do pavimentos naqueles treitos que presenten maior grao de deterioro.
As obras suporán unha maior seguridade e comodidade aos usuarios que circulan por estas vías, moi frecuentadas, especialmente en temporada de verán, e facilitarán a mobilidade aos habitantes dos municipios onde se realizarán as actuacións.
Estas obras están incluídas no Plan de reforzos de firme que está a desenvolver o Goberno galego para a mellora e conservación das estradas autonómicas.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.