Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2024
A Xunta de Galicia vén de iniciar os traballos para dotar de iluminación o enlace de acceso da Autovía do Salnés ao parque empresarial de Nantes, no concello de Sanxenxo.
A través destes traballos, dotarase de iluminación á totalidade do enlace da AG-41 ao parque empresarial, situado no punto quilométrico 17+200, que ademais dá acceso a zona de vivendas de Pedroño, no concello de Sanxenxo.
Esta actuación é froito dun convenio de colaboración entre a Xunta e o Concello de Sanxenxo para impulsar a iluminación desta vía, segundo o cal a Xunta asume a redacción do proxecto, a contratación e a execución das obras, cun investimento autonómico de case 33.000 euros.
O Concello de Sanxenxo, pola súa banda, deberá incorporar as obras de mellora ao patrimonio público municipal, asumindo a súa xestión e mantemento, ademais de comprometerse a sufragar o consumo do sistema de iluminación instalado.
Os traballos comprenden a instalación de 2 luminarias na glorieta oeste, unha entre o ramal de saída marxe dereita e o paso inferior, e a outra entre o paso inferior e o ramal de entrada marxe dereita. Ambas luminarias colocaranse sobre columna de 9 metros de altura.
Ademais, na intervención inclúese a instalación doutras 4 luminarias no illote central da glorieta este, sobre unha única columna de 9 metros de altura.
Tamén se colocarán 2 proxectores tipo LED no muro do paso inferior que conecta ambas as dúas glorietas.
As intervencións completaranse coa instalación de 2 luminarias no viario de acceso ás vivendas, sobre columna de 5 metros de altura.