Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2024
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de iniciar a redacción do proxecto para habilitar unha senda peonil no treito da estrada AC-862 ao seu paso polo concello de Ortigueira.
Trátase de desenvolver o proxecto dun itinerario peonil nun treito desta vía autonómica, situado entre os puntos quilométricos 52+290 e 52+780, coa fin de favorecer o tránsito peonil seguro para as vivendas que se sitúan na súa traza, e que ademais permitirá unir o núcleo do municipio e o aparcadoiro que se habilita durante o Festival internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
En concreto, baixo este traballo, definirase unha senda 500 metros de lonxitude pola marxe esquerda da estrada de 2 metros de ancho, salvo un estreitamento puntual nunha vivenda, separada da calzada da estrada mediante un bordo no límite exterior da senda. Entre a beiravía existente e a senda óptase, por motivos de drenaxe, por dispoñer dunha franxa de 0,40 m para a disposición de sumidoiros, que leven as augas da plataforma a un colector baixo calzada.
Ademais, para poder gañar espazo para a senda, será necesario tramitar a expropiación dos terreos necesarios a carón da calzada en toda a lonxitude do ámbito do proxecto.
O custo da actuación estímase en 200.000 euros, se ben o investimento final concretarase no proceso de redacción do proxecto.
O obxectivo da Xunta é contar co proxecto a finais deste ano, para proceder a sometelo a continuación a información pública a efectos expropiatorios.