A Xunta iniciará esta semana traballos de limpeza nas marxes da vía de altas prestacións CG-2.1, no Saviñao, e na autovía do Morrazo

Santiago de Compostela, 6 de abril de 2025

A Xunta iniciará a vindeira semana os traballos de limpeza e roza nas marxes da vía de altas prestacións entre Monforte de Lemos e o Alto do Faro (CG-2.1), ao seu paso polo municipio lucense do Saviñao; e na autovía do Morrazo (AG-4.6) nos concellos de Moaña e Cangas.

Ademais, comezarán na cidade de Ourense as tarefas de acondicionamento das sendas da estrada OU-105, en Seixalbo e na OU-150, en Valdorregueiro.

Con respecto ás obras en execución nas catro provincias, as intervención na da Coruña continuarán esta vindeira semana coas tarefas de roza e limpeza na estrada AC-413, en Cerceda e Carballo; na AC-400, en Muros; na vía de alta capacidade Brión-Noia (GC-1.5), ao seu paso por este último municipio; e na VG-1.6, en Santiago de Compostela.

Tamén continuarán esta vindeira semana os traballos de roza na autovía Ferrol-Vilaba (AG-64), no tramo da provincia de Lugo que comunica Vilalba e Xermade.

No caso da provincia de Ourense, proseguirán as labores de roza e limpeza na estrada OU-101, no seu percorrido polos concellos de Paderne de Allariz e Maceda.

E na provincia de Pontevedra proseguirán, tamén, os traballos de tala e roza en distintos tramos da vía de alta prestacións CG-4.1, que une os municipios de Moaña e Cangas.

Seguridade e prevención

Todas estas intervencións consisten na limpeza e roza de vexetación na zona de dominio público das estradas de titularidade da Xunta, e na reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas autonómicas ou no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.

A Xunta, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.

As actuacións da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas están enmarcadas no contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que conta cun investimento total de 4 M€.