Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2022.- A Xunta investirá 716.000 euros na construción de dous novos tramos de sendas peonís na estrada autonómica AC-552, no concello de Coristanco, que facilitarán o acceso a pé ao centro comercial.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios para construír estes dous itinerarios na marxes da vía autonómica, que se executarán no remate da senda Carballo-Coristanco, dándolle continuidade cara ao centro comercial, e entre Agualada e o cemiterio de Agrilloi. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://bit.ly/3AjV8wo .
O Consello da Xunta autorizou o pasado día 23 de decembro as expropiacións dos 4 predios necesarios para levar a cabo esta actuación, que ten como obxectivo facilitar os desprazamentos a pé dos veciños e favorecer unha mobilidade máis segura e sostible na contorna.
En concreto, a intervención proxectada adapta os novos itinerarios á configuración das edificacións existentes e suporá executar algo máis de 1,3 quilómetros de sendas en total, que se construirán en formigón coloreado, para facelas máis visibles, e de cor terrizo natural, para unha mellor integración na contorna. O ancho destes itinerarios oscilará entre os 1,50 e os 2 metros.
O primeiro dos tramos construirase entre os puntos quilométricos 34+400, no final do itinerario Bértoa-Carballo, e o 34+860, na entorna do centro comercial, pola marxe esquerda da estrada, recollendo tamén unha prolongación de 300 metros en dirección a Carantos. O segundo dos tramos construirase no núcleo de Bormoio, entre os puntos quilométricos 44+300 e o 45+080, entre Agualada e o cemiterio de Agrilloi, pola marxe dereita da estrada.
Máis en detalle, no primeiro dos tramos, duns 800 metros de lonxitude, no final da senda Bértoa-Carballo e no inicio da beirarrúa próxima ao centro comercial, xa existen partes de sendas de nova execución e outras nas que que hai que renovar ou ampliar a beirarrúa existente e eliminar obstáculos, de xeito que o proxecto permitirá acadar un itinerario continuo accesible. Por outra banda, coa finalidade de mellorar a seguridade viaria, prevese unha leve modificación da curva existente ao longo dese treito.
No núcleo de Bormoio executarase o segundo dos tramos pola marxe dereita da AC-552, duns 560 metros. Ao final das beirarrúas de Agualada e o punto de acceso ao cemiterio de Agrilloi construirase unha pasarela ou ampliación de estruturas no seu paso polo río Calvar. Levarase a cabo unha ampliación da ponte mediante un voadizo que permita a integración na plataforma do espazo necesario para a implantación da nova senda peonil.
O Concello realizou achegas no período de información pública que xa non era posible incorporar ao proxecto, pero que serán analizadas e, no seu caso, executadas o desenvolvemento das obras, como a conexión co sendeiro de madeira que o Concello promoveu no rego da Balsa.A previsión da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é convocar o levantamento de actas previas das expropiacións e licitar as obras no primeiro semestre, e iniciar os traballos na segunda metade do ano. A actuación ten un prazo de execución de 8 meses.A intervención supón seguir avanzando no Plan de sendas da comarca de Bergantiños, no que 6 dos itinerarios previstos nunha primeira fase están xa en servizo e practicamente finalizada tamén a senda entre Carballo e Coristanco, cun investimento autonómico de máis de 1 millón de euros.
En total, a Xunta impulsou a execución de 11 quilómetros de sendas seguras, sostibles e integradas na paisaxe cun investimento de preto de 5 M€. As actuacións están cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a impulsar a construción de novas sendas na comarca de Bergantiños co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro e sustentable.