Valga (Pontevedra), 6 de marzo de 2026
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou xunto ao alcalde de Valga, José María Bello, esta mañá a parroquia de Cordeiro para informar sobre o proxecto para a execución dunha nova senda peonil na vía de servizo anexa á estrada PO-548, unha actuación que permitirá mellorar a seguridade viaria e facilitar os desprazamentos a pé da veciñanza.
A intervención consistirá na ampliación da plataforma viaria na vía de servizo situada na marxe dereita da PO-548, entre os puntos quilométricos 4+170 e 4+285, incrementando o ancho da calzada ata os 6 metros. Esta actuación permitirá garantir o cruzamento seguro de vehículos e habilitar un itinerario peonil accesible.
Neste ámbito construirase unha senda de formigón coloreado de 2,02 metros de ancho que mellorará a mobilidade peonil en condicións de seguridade na zona e permitirá a conexión coa Igrexa de Santa Columba de Cordeiro. Ademais, manterase o acceso ás parcelas privadas existentes mediante un pequeno camiño de servizo de 3 metros de ancho situado xunto á senda.
O proxecto tamén contempla varias actuacións complementarias, entre elas o retranqueo ou soterramento dalgúns postes de servizos, a execución de pequenos muros de contención de pedra para estabilizar os noiros e a mellora do sistema de drenaxe da vía de servizo mediante a instalación de novos colectores e a reposición de sumidoiros.
A actuación contará cun investimento de 176.000 euros e desenvolverase nun treito de aproximadamente 120 metros de lonxitude. O prazo estimado de execución das obras é de seis meses.
Esta intervención enmárcase no compromiso da Xunta de Galicia coa mellora da seguridade viaria e coa promoción de desprazamentos peonís seguros nas estradas autonómicas, especialmente naqueles treitos que rexistran tránsito local e acceso a equipamentos e núcleos de poboación.