Outeiro de Rei (Lugo), 6 de agosto de 2026
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas inviste 1.466.500 euros nas obras de renovación do firme da estrada LU-115, que conecta Outeiro de Rei co núcleo de Castro Ribeiras de Lea, en Castro de Rei; deron comezo esta semana e afectarán á totalidade da vía, de 11 quilómetros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, comprobou hoxe os traballos, que nesta primeira fase realízanse nos puntos e tramos que presentan esgotamento estrutural, e consisten no fresado do pavimento e reposición con mestura asfáltica en quente. Posteriormente aplicarase unha nova capa de rodadura de altas prestacións en toda a lonxitude da estrada.
Esta actuación forma parte dun contrato máis amplo, adxudicado en 2,4 M€, que inclúe o reforzo do firme das estradas LU-021 e LU-541 e beneficia tamén aos concellos de Lugo, Vilalba e Begonte. O prazo máximo de execución é de seis meses.
Así mesmo, a Xunta vén de contratar unha intervención similar para mellorar a LU-633, LU-546 e LU-621, cun orzamento de 3,3 M€. Neste caso os municipios beneficiados son os de O Corgo, Portomarín, Pedrafita do Cebreiro, Baralla, Láncara, Paradela, O Páramo, Sarria, Triacastela e Monforte de Lemos.
Villares destacou “esforzo continuado” que realiza o Goberno galego “para manter a rede autonómica en condicións óptimas, incrementando a seguridade e comodidade para os usuarios”. Neste sentido, engadiu que a Consellería alcanzará este ano un novo récord histórico de investimento en conservación de estradas, con 71,6 M€.