Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2024
A Xunta lamenta o nulo avance do Corredor Atlántico en Galicia e insiste no agravio que sofre a comunidade galega fronte a outros territorios en relación coas obras previstas no marco desta rede estratéxica e prioritaria para a comunicación e a loxística do noroeste peninsular.
Fronte ao comunicado emitido polo Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible asegurando que avanza “a velocidade de cruceiro no despregue dos corredores atlántico e mediterráneo, mobilizando cifras récord”, o Goberno galego segue sen ter noticias nin do prometido Plan director do Corredor Atlántico, cos demandados compromisos, cifras e prazos, nin do grupo de traballo técnico agardado xa para 2020.
A isto súmase a ausencia desta rede na presentación de proxectos para captar fondos europeos, por segundo ano consecutivo. Deste xeito, o Goberno central non presentou ao ‘Mecanismo conectar Europa' nin unha iniciativa relacionada con ela, polo que volveu quedar sen recibir un só euro. Tal e como denunciou o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, recentemente no Parlamento de Galicia, “mentres o 100 % do Corredor Mediterráneo está en marcha, o Corredor Atlántico en Galicia está a cero”, coa perda de investimentos e oportunidades que isto representa.
Desde a Xunta séguese demandando información dos investimentos concretos, os detalles técnicos e o respaldo económico do plan director, cuxa redacción debe contar coas comunidades autónomas polas que discorren as infraestruturas. Insístese tamén na necesidade dun plan director de conservación e modernización da rede ferroviaria en Galicia, no que, en coordinación co plan director do Corredor Atlántico de Mercadorías, se recollan as actuacións necesarias na rede de ferrocarril para mellorar a mobilidade da poboación galega.
Investimento de 8.000 millóns de euros
Cómpre lembrar que os estudos previos realizados por Galicia, Asturias e Castela e León fixaban un investimento para o corredor de 8.000 millóns de euros en novas infraestruturas para ferrocarril de mercadorías. Dos 4.700 millóns propostos polo Goberno central, a metade xa estaban executados na alta velocidade antes de entrar a formar parte do Corredor.
Sinálase tamén que segundo datos da Asociación de Empresas Construtoras e Concesionarias de Infraestruturas (Seopan), o investimento por parte do Ministerio de Transportes nos últimos seis años nas redes de estradas, ferrocarril, portos e aeroportos en Galicia foi menor que noutros territorios como Cataluña, onde se mobilizaron uns 4.300 millóns de euros fronte aos 2.300 millóns de euros mobilizados na comunidade galega.
Ademais, Cataluña aglutinou entre 2018 e 2024 máis do 13 % do investimento estatal en ferrocarril, con 2.800 millóns de euros, mentres Galicia recibiu 1.640 millóns, menos da metade da cifra catalá e menos do 8 % do investimento estatal.