Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Arzúa, Boqueixón, Lousame e Touro e que suporán un investimento de 1.006.100 euros.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe esta licitación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 16 de xaneiro.
A Xunta prevé comezar as obras na primavera, co fin de telas rematadas no 2023, ao contar cun prazo de execución de seis meses.
O obxectivo é rehabilitar o firme en varios treitos das estradas AC-207, AC-308 e AC-960, que discorren polos concellos de Arzúa, Lousame, Boqueixón e Touro.
Os traballos consistirán en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal.
A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.