Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2025
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas licitou por importe de 3.308.424 euros as obras de mellora do firme en 5 estradas autonómicas ao seu paso por 11 concellos da área de Pontevedra e da comarca do Salnés.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia ten publicada esta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 27 de xaneiro. Os traballos contan cun prazo de execución de 9 meses.
O obxectivo é mellorar as características funcionais da vía e súa seguridade viaria en varios treitos das estradas PO-226,PO-303, PO-307, PO-308 e PO-550, que discorren polos concellos de Cuntis, Moraña, Barro, Poio, Sanxenxo, Meaño, Vilanova de Arousa, A Illa de Arousa, O Grove, Cambados e Ribadumia.
As actuacións consistirán na rehabilitación superficial do firme das estradas, restaurando ou mellorando as características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.
Os traballos incluirán a reparación de zonas de firme danado mediante fresados localizados (mínimo de 1,50m) e reposición dunha capa de firme, selado de fisuras lineais con mestura bituminosa e a creación dunha nova rodadura mediante recrecemento de firme.
O Goberno galego continúa a traballar para manter as vías de titularidade da Xunta nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando neste exercicio 68 M€ á súa conservación.