Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou hoxe por 344.593 euros a obra de mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril, no concello de Valga.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación destas obras necesarias para minimizar o risco de inundación nesta zona onde a presión sobre a canle aumenta polas edificacións e as áreas de cultivo das inmediacións, que deixan pouco espazo ao río para desenvolverse.
As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 24 de xaneiro de 2023.
Esta nova licitación da Xunta forma parte das actuación proxectadas no municipio de Valga e están recollidas no Plan de xestión específico realizado na área de risco potencial significativo de inundacións dos ríos Ulla e Sar.
Trátase das obras para minimizar o risco de asolagamento nos ríos Louro e Valga, ao seu paso polo municipio pontevedrés, que suporán un investimento autonómico total de 1,25 M€. As actuacións proxectadas nesta área de risco potencial inclúen esta intervención no espazo fluvial do río Louro, a mellora do espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa; e a de protección da marxe dereita do río Valga, licitada este mesmo martes por case 220.000 euros.
Máis en detalle, a intervención obxecto do contrato licitado hoxe é a mellora da capacidade hidráulica da canle do río Louro e as obras consistente na realización dun encanamento de aproximadamente 800 metros do río, desde 50 metros augas arriba da estrutura baixo a estrada PO-548 ata a obra de fábrica existente baixo a liña do ferrocarril, incluído un tramo de aproximadamente 50 metros augas abaixo.
Estas actuacións teñen como fin a protección fronte ás inundacións e contan cun prazo de execución de 3 meses.
Colaboración co ConcelloAs actuacións desenvólvense a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Valga, no que se recolleron distintas actuacións necesarias para evitar as inundacións na zona urbana.
Segundo o citado convenio, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asume integramente a financiación do conxunto das actuacións e levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras.
Pola súa banda, o Concello de Valga comprométese á posta a disposición dos terreos necesarios para o inicio dos traballos e á realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución. Tamén asume a obriga de recibir as obras que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción e a asumir o seu mantemento e conservación, coa utilización das instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.
As actuacións están cofinanciadas con fondos Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020.
A Xunta continúa traballando na colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.