A Xunta licita por preto de 1,2 M€ as obras das novas sendas nas estradas PO-302 e PO-306 en Caleiro, no concello de Vilanova de Arousa

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por 1.175.513 euros as obras das novas sendas nas estradas autonómicas PO-302 e PO-306, en Caleiro, no concello de Vilanova de Arousa.

O obxectivo da actuación é habilitar un itinerario de uso peonil continuo na marxe dereita das estradas PO‐302 e PO‐306, de 1,4 km de lonxitude, na contorna do núcleo urbano deste municipio arousán.

A intervención suporá un investimento global de preto de 1,3 M€, tendo en conta o pagamento dos predios necesarios para a execución dos traballos. O acto de levantamento das actas de ocupación está fixado xa para o vindeiro 24 de maio.  

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación das obras, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 24 de abril. O obxectivo da Xunta é iniciar os traballos no verán e poder rematalos no primeiro trimestre de 2024. A actuación ten un prazo de execución de 8 meses.

O detalle da intervención

Esta nova intervención da Xunta permitirá executar un itinerario dunha lonxitude de 1.100 metros na estrada PO-302 e unha senda de 270 metros na estrada PO-306, discorrendo entre os puntos quilométricos 0 e 1+100 no caso da primeira, e entre o quilómetro 0 e o 0+270 na segunda.

O itinerario contará cunha anchura mínima de 2,20 metros e estará separado da estrada por medio dun bordo de formigón e dun separador vexetal nas zonas onde se proxecten aparcadoiros en batería.

O proxecto licitado hoxe inclúe a demolición das beirarrúas existentes e a execución dunhas novas cun pavimento enlousado de granito en todo o tramo da estrada PO302, que transcorre polo medio do núcleo urbano de Vilanova de Arousa.

Ademais, construiranse os tramos que faltan na actualidade da rede de pluviais, saneamento e abastecemento na estrada PO302; e unha rede de pluviais na PO‐306.

Renovarase o alumeado na PO‐302, substituíndo as luminarias existentes que se atopan deterioradas por unhas acordes á contorna do ámbito de actuación.

Estes novos itinerarios peonís da Xunta engádese aos xa rematados no marco do Plan de Sendas na comarca do Salnés, que supuxeron un investimento de máis de 12 M€ para acadar máis de 21 km lineais de itinerarios peonís.

Na actualidade a Xunta tamén se está a afrontar a fase final da execución das obras de construción dunha senda e de reparación de beirarrúas na PO-549 entre os concellos de Vilanova e de Vilagarcía de Arousa, cun investimento de 1,1 M€ para poñer á disposición dos veciños un novo itinerario que lle dea continuidade ás sendas executadas nesa mesma estrada. Esta obra conta co financiamento europeo a través dos Fondos React-UE.