A Xunta licita por preto de 145.000 € as obras da senda na AC-552 entre Pastoriza e Vilarrodís, no concello de Arteixo

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2022 A  Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por preto de 145.000 euros as obras de execución dun treito de senda peonil e ciclista na estrada autonómica AC-552, entre Pastoriza e Vilarrodís, no concello de Arteixo.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o inicio desta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 17 de xaneiro. Os traballos contan cun prazo de execución de 3 meses.

 

A Xunta destinará un investimento total de máis de 150.000 euros, incluíndo o pagamento dos predios necesarios, para a execución desta intervención de mellora da seguridade viaria e de promoción da mobilidade sustentable. O acto expropiatorio de levantamento de actas previas tivo lugar o pasado 11 de outubro e este vindeiro xoves, día 15, levarase a cabo o acto de formalización das actas de ocupación.

A actuación consiste na redefinición dun treito de senda que posibilitará a circulación a pé ao longo dun treito desta vía autonómica, coa execución dun itinerario peonil continuo, o reforzo do firme da vía existente e outras actuacións de reforzo da seguridade viaria.

Máis en concreto, actuarase no treito da vía autonómica situado entre os puntos quilométricos 5+280 e 5+410, que coincide cunha intersección, reformulando a propia intersección para maior seguridade viaria e habilitando o espazo para o encaixe da senda.

 

Esta intervención da Xunta forma parte dunha actuación máis ampla de mellora da mobilidade peonil entre Pastoriza e Vilarrodís. En sentido Arteixo hai un camiño paralelo á estrada, que a día de hoxe xa poden percorrer os peóns; e en sentido Pastoriza dotarase dunha beiravía protexida con balizas, que será obxecto dunha actuación posterior de mellora.

 

Segundo o proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta, a intervención comeza na travesía da Maceira, desde o punto quilométrico 5+280 ata o 5+330, onde se prevé executar unha senda de formigón de 2 metros de ancho, que irá separada do carril de vehículos mediante bordo. Para contar co espazo necesario para a senda, a vía actual ampliarase cara ao noiro existente na marxe dereita da AC-552, grazas a un novo muro de mampostería.

 

A intervención céntrase despois no camiño existente no punto quilométrico 5+330 ata o 5+370, dando continuidade á sección anterior sobre un camiño actual de terra.

 

Despois actúase no tramo da vía autonómica que vai do punto quilométrico 5+370 ata o 5+410, continuando co itinerario peonil proxectado. Este treito disporá dun ancho mínimo de 2 metros, que se ampliará ata os 3,5 metros para enlazar co itinerario proxectado cara a Pastoriza.

 

Tamén está prevista a execución dun carril de aceleración desde o punto quilométrico 5+370, para a correcta incorporación á estrada AC-552, separado da senda peonil mediante unha barreira de formigón.

 

O Goberno galego segue traballando na dotación de sendas nas estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos dos cidadáns a pé ou en bicicleta dun xeito máis cómodo e seguro co fin de fomentar a mobilidade sustentable.