Covelo (Pontevedra), 20 de decembro de 2025
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, informou sobre a licitación por un importe de 226.775 euros da execución das obras para a mellora da seguridade viaria na intersección do punto quilométrico 31+540 da estrada PO-255, no concello de Covelo.
A contratación desta intervención, autorizada este pasado luns día 15 de decembro no Consello da Xunta, permitirá actuar na intersección en "T" entre esta vía autonómica e a estrada provincial EP-5104, dando maior visibilidade ao vehículos nos xiros á esquerda, reforzando a seguridade viaria e facendo máis cómoda a circulación. Tamén se inclúe o reforzo do firme dun treito da PO-255.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle a licitación deste contrato, ao que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 26 de xaneiro.
Reguera destacou que esta obra se enmarca no “compromiso da Xunta de Galicia coa mellora continua da seguridade viaria na súa rede de estradas autonómicas”, especialmente en puntos singulares como interseccións e enlaces, “onde unha intervención ben planificada pode supoñer unha mellora moi relevante na prevención de accidentes”.
En concreto, entre as obras que se inclúen neste contrato para a mellora da intersección entre a vía autonómica e a provincial está a ampliación nesta contorna da plataforma da PO-255. Resólvese así a intersección cun xiro á esquerda, pero ampliando a plataforma para engadir un carril central de espera.
No quilómetro 0+050 da PO-255 prevese habilitar unha “bágoa” que permita o cambio de sentido aos vehículos que veñen de ambas as estradas en sentido decrecente.
Na intervención a executar inclúese, ademais, a execución dun carril de espera entre os puntos quilométricos 0+080 e 0+095, que dá acceso a un ramal directo de nova execución cara á EP-5104. No espazo morto executarase un illote.
O único movemento non contemplado no proxecto de trazado, tampouco permitido na actualidade, é o cambio de sentido na PO-255, en sentido de avance.
Nesta intervención tamén se inclúe o reforzo do firme dun treito da PO-255.
O obxectivo da Xunta é poder executalas no vindeiro ano.
O Goberno galego continúa mellorando a rede viaria autonómica para reforzar a seguridade viaria e a comodidade dos usuarios, así como para impulsar unha mobilidade máis segura e sostible.