Santiago de Compostela, 30 de novembro de 2023
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, vén de licitar a redacción dos pregos que permitirán a licitación dos contratos de conservación ordinaria e vialidade invernal na rede autonómica de estradas de Galicia para os vindeiros anos.
O obxectivo final dos contratos é manter os 5.500 km da rede viaria de titularidade da Xunta nas mellores condicións para garantir a seguridade viaria e propiciar desprazamentos máis cómodos e seguros aos usuarios, un dos traballos prioritarios para o Goberno galego.
A ampla extensión da rede viaria autonómica fai necesario establecer 7 áreas diferenciadas para a mellor organización do traballo: as provincias da Coruña, de Lugo e de Pontevedra contan con dúas áreas cada unha, norte e sur; e unha única área na provincia de Ourense.
Obras de pasoAos 7 pregos habituais para estas 7 zonas, engádese un oitavo prego, dirixido exclusivamente á conservación de obras de paso, é dicir, estruturas como pontes e viadutos da rede autonómica. Trátase de favorecer un servizo que sexa áxil e flexible como ferramenta para realizar labores que son moi especializados e que se considera preciso segregar do resto de labores da conservación.
Así, nos últimos anos, a Xunta vén realizando un seguimento continuo do estado das pontes, viadutos, muros e noiros, do que se derivan actuacións de rehabilitación específicas, en caso de ser necesarias.
Esta medida, na que Galicia é pioneira, está a ser unha ferramenta de grande axuda tendo en conta a orografía, a topografía e a climatoloxía da comunidade, que condicionan, en boa parte, o deseño das infraestruturas viarias.
Neste caso, baixo este contrato, deberán definirse os diferentes tipos de actuacións de reparación e conservación de obras de paso, en función das tipoloxías das infraestruturas existentes e os tipos de danos asociados a elas. Así mesmo, deberán estimar o persoal para realizar este labor, elaborar un orzamento con todas as unidades de obra e medios auxiliares necesarios para realizar estes traballos.
As empresas interesadas na redacción dos contratos licitados hoxe, que contan cun prazo de execución de 5 meses, poderán presentar as súas ofertas ata o 15 de decembro.
O obxectivo do departamento de Infraestruturas da Xunta e ter os pregos redactados no segundo semestre do ano para licitar os contratos novos de conservación a finais de 2024.
A rede viaria de Galicia incrementouse de forma notable nos últimos anos, nos que se fixeron máis patentes, tamén, os efectos do cambio climático e a necesidade de esforzarse en manter as estradas en boas condicións para reducir os riscos.
Nese contexto, o departamento de Infraestruturas da Xunta vai destinar o vindeiro ano un 8% máis de investimento á conservación e mellora da rede viaria autonómica, o que supón elevar en 2024 os recursos destinados a este fin ata os case 53 M€.
Cómpre lembrar que as tarefas de conservación e vialidade invernal realízanse actualmente a través de sete contratos de asistencia, licitados no seu día por 133,5 millóns de euros. Os contratos estarán vixentes ata setembro do vindeiro ano 2025.