Santiago de Compostela, 26 de xullo de 2023 A Xunta licitou hoxe a xestión do sistema de depuración das augas superficiais da autovía Ferrol-Vilalba, a AG-64, ao seu paso polo concello das Pontes de García Rodríguez, por un importe de case 3,8 millóns de euros.
A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación deste contrato, cunha duración de 4 anos. As empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 30 de agosto.
Trátase da contratación dos servizos da explotación e optimización das instalacións de tratamento físico-químico para corrección do pH das augas superficiais no tramo da autovía á altura de Mariñadela, así como da decantación e separación dos lodos residuais, de modo que no medio natural se garanta pH normal.
AntecedentesTras as obras realizadas na construción da AG-64, concretamente no tramo pertencente ao concello das Pontes á altura de Mariñadela, quedaron ao descuberto materiais piríticos cuxa oxidación acentuaban a acidez que xa posúen de forma natural as augas da zona, cos conseguintes efectos na conca do río Chamoselo, tributario do Eume, e no Eume.
Para corrixir os problemas detectados, a Xunta desenvolveuse un plan de actuación encamiñado a minimizar as causas que provocan a acidificación, procedendo ao selado do vertedoiro-amoreo dos Airíos, gunitado dos noiros do desmonte da Mourela e impermeabilización dos noiros do terraplén da autovía.
En paralelo a estas intervencións, definiuse un tratamento integral dos cursos de auga afectados pola acidificación, nos ríos Eume e tributarios e no encoro do Eume, alcanzándose unha situación estable en canto ao funcionamento do sistema de tratamento das augas ácidas, cuxo mantemento foi asumido pola Xunta.
O contratoEn concreto, o contrato licitado hoxe ten como obxecto a explotación das instalacións de tratamento físico-químico para corrección do pH das augas superficiais, así como da decantación e separación dos lodos residuais, de modo que no medio natural se garanta o pH normal.
Os traballos a realizar consisten na neutralización controlada do efluente, para o que existe unha rede de pHmetros en todos os treitos dos ríos Chamoselo e Lavadoiro e os seus afluentes principais, con puntos de adición de hidróxido de cal en función do pH do punto de control do río e do de augas abaixo. En concreto, no río Eume existen dous pHmetros de control augas abaixo da desembocadura do río Chamoselo.
Tamén se realizará a precipitación da fracción insoluble mediante decantación, a extracción dos lodos decantados e a súa deshidratación mediante filtro prensa.
A Xunta prevé adxudicar este novo contrato este outono, para que a empresa adxudicataria poida iniciar os traballos o 1 de xaneiro de 2024, ao rematar o actual contrato, que vence o 31 de decembro deste ano.
A Xunta, a través dos técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas, organizará unha visita ás instalacións de depuración nas vindeiras semanas para atender as solicitudes das empresas interesadas na licitación deste contrato.