A Xunta pon en valor o encontro co coordinador europeo do Corredor Atlántico para trasladar as demandas de Galicia fronte a falta de información por parte do Goberno central

Santiago de Compostela, 17 de xuño de 2026

 O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe no Parlamento de Galicia a falta de compromiso do Goberno central co desenvolvemento do Corredor Atlántico, como se puxo de manifesto no recente encontro co coordinador europeo desta infraestrutura, François Bausch.

Durante a súa intervención, Diego Calvo incidiu na relevancia do Corredor Atlántico para Galicia tanto no transporte de viaxeiros como para o de mercadorías. Por iso, lamenta que a Xunta siga sen coñecer por parte do Executivo estatal o Plan Director completo do Corredor Atlántico, con actuacións, investimentos e calendarios detallados.

Diego Calvo criticou tamén que os intereses de Galicia quedasen fóra das visitas institucionais organizadas polo Goberno central arredor do Corredor Atlántico, malia a relevancia das actuacións pendentes na comunidade. Así, a finais do pasado maio, o comisario visitou a comunidade galega pero, como sinalou o conselleiro, acudindo ao porto da Coruña e sen achegarse a ningún dos puntos críticos e prioritarios marcados pola Xunta. De todas formas, grazas á disposición do coordinador europeo, o Goberno galego puido trasladarlle directamente nunha reunión as súas necesidades e propostas para avanzar nunha infraestrutura fundamental para o desenvolvemento económico e territorial de Galicia.

Entre as principais reivindicacións defendidas polo Goberno galego figura a aceleración da conexión ferroviaria de alta velocidade entre Vigo e Porto e tendo en conta os retrasos xa acumulados. Tamén solicitou avanzar na substitución do ancho ibérico, primeiramente no treito Ourense-Santiago, presente en máis do 80% da rede ferroviaria galega ao ancho estándar ou internacional requirido pola Unión Europea. Respecto aos tramos pendentes da conexión entre Galicia e Madrid é preciso completar a dobre vía e executar as variantes de Ourense, Os Peares-Canabal, Rubián e Cerdedo.

No ámbito do transporte de mercadorías, Diego Calvo insistiu na necesidade de recoñecer o carácter esencial dos portos de Vigo e Ferrol dentro da rede europea, xa que na actualidade só o Porto Exterior da Coruña está cualificado como nodal, mentres que tanto o vigués como o ferrolán están clasificados na Rede Global, que ten como horizonte 2050.

Nesta liña, aludiu tamén ao establecemento de dous eixos claros para a saída de mercadorías: un na zona norte (A Coruña–Ferrol–Betanzos–Lugo–Monforte de Lemos) e outro na zona sur, empregando a liña do Miño (Vigo–Guillarei–Ourense).

A Xunta tamén defende o impulso das autopistas ferroviarias entre Vigo e Madrid e entre Vigo e Barcelona –vía Zaragoza-, así como a ampliación das frecuencias e da capacidade dos servizos ferroviarios que prestan servizo ao Eixo Atlántico.

Por todo isto, Galicia non pode quedar á marxe dos grandes eixos europeos de transporte e estes avances son cruciais para a cohesión territorial e non limitar a competitividade das empresas galegas. Así, é necesario que o Goberno central e as institucións europeas impulsen con determinación os investimentos necesarios para facer realidade un Corredor Atlántico plenamente operativo.