Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2024
O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, puxo hoxe en valor o investimento de máis de 64M€ destinados pola Xunta á mellora da mobilidade e da seguridade na rede autonómica de estradas do Morrazo.
Na súa intervención na Comisión 2ª do Parlamento, Francisco Menéndez fixo fincapé no plan de mellora da mobilidade do Morrazo acometido pola Xunta nos últimos anos, con actuacións que responden a criterios técnicos e obxectivos, e que están a supoñer unha transformación radical da rede viaria ao seu paso polos distintos concellos da comarca.
Referiuse ao compromiso do Goberno galego dando cumprimento á mellorar da rede autonómica, tras a finalización da conversión en autovía do corredor do Morrazo, na que a Xunta investiu 55 M€.
Subliñou o traballo intenso na mellora da rede viaria convencional no Morrazo ao seu paso polos distintos concellos da comarca, a través de actuacións que implican un investimento de 9 M€ para a seguridade dos seus usuarios e que inclúe os treitos priorizados da estrada PO-551.
Destacou a execución de sendas peonís e ciclistas nas vías autonómicas PO-551, PO-313 e PO-315 no seu percorrido polos municipios da comarca, onde se está a rematar o desenvolvemento de 8 itinerarios no marco do Plan de Sendas do Morrazo. O investimento neste conxunto de sendas acadou os 5,6M€ para habilitar 9 quilómetros de itinerarios.
Precisou, no caso do concello de Moaña a posta á disposición dos veciños desde hai uns meses da senda entre A Moureira e Palmás, que une as beirarrúas existentes na PO-551 en Meira e Domaio.
Francisco Menéndez explicou como, en paralelo á execución das sendas, promovéronse as actuacións necesarias para eliminar os treitos de concentración de accidentes na rede convencional de estradas. En concreto, citou a mellora da seguridade viaria na PO-551 en Bueu e Marín, da mesma estrada en Domaio (Moaña), e noutras actuacións tanto en Cangas como en Moaña, cun investimento conxunto de 3,3 M€.
O director da AXI incidiu en que o Goberno está a cumprir coas actuacións de seguridade viaria e humanización en Moaña e en todo o Morrazo, e vaino seguir facendo con novas melloras de seguridade viaria e para peóns, incluíndo a renovación de beirarrúas.
A Xunta está a executar as obras de acondicionamento de beirarrúas na estrada PO-551, no lugar de Caiauga, en Moaña e execútanse en coordinación co Concello. Isto é necesario porque os traballos requiren previamente o saneo dos firmes e a retirada e reposición dos colectores en mal estado, tanto de augas pluviais, de competencia da Xunta; como de augas fecais, de competencia municipal. Así, os últimos problemas de conservación na PO-551 foron en Meira (Porta do Sol e Caiauga) puntos nos que os técnicos da AXI atoparon fallos das conducións municipais baixo as beirarrúas.
Afirmou que a Xunta prevé continuar actuando na mellora da estrada PO-551 en Moaña, cunha actuación de 2M€ en melloras da seguridade e accesibilidade de paradas de autobús, en concreto 13 na propia PO-551 neste concello. E con máis sendas peonís, que proximamente se presentará no marco do vindeiro Plan de sendas para as estradas de titularidade autonómica.
Francisco Menéndez tamén lembrou que a Xunta estase encargando da execución de melloras da accesibilidade peonil en Moaña, e expresou a confianza de que nesta materia o Concello exerza a súa competencia, ou cando menos ofreza a súa colaboración, para levar adiante estas actuacións.