A Xunta porá en servizo este mes de xullo o acceso provisional a Folgoso do Courel que ofrecerá unha alternativa de tráfico ao treito cortado da estrada LU-651.
O Goberno galego está a investir 917.000 na construción dunha vía provisional que ten por finalidade ofrecer aos veciños e visitantes unha solución a curto prazo para facilitar a conectividade de Folgoso do Courel e o acceso a este municipio desde Quiroga.
O novo acceso ten unha lonxitude de 740 metros e fai posible garantir o tráfico, tamén para vehículos pesados, tanto de camións como de autobuses, sendo a alternativa máis eficiente a curto prazo.
Esta vía facilitará desde este mes de xullo a mobilidade e a comunicación dos veciños de Folgoso do Courel, que agora deben circular pola estrada que pasa pola Campa e Vidallón, que non ofrece a funcionalidade suficiente.
Paralelamente á culminación desta obra de emerxencia de construción dunha vía provisional, o departamento de Infraestruturas da Xunta ultima os traballos para a definición da mellor alternativa para a restitución definitiva do treito da LU-651 que permanece cortado ao tráfico entre Quiroga e Folgoso por mor do desprendemento rexistrado á altura do quilómetro 18, na zona Santa Eufemia, o pasado 20 de marzo.