Santiago de Compostela, 14 de agosto de 2025
A directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, presentou esta mañá aos profesionais do centro de saúde da Estrada o programa de fomento de hábitos de vida saudable “Adestra a túa saúde”. Unha iniciativa coa que a Xunta pretende promover, en colaboración con 23 concellos galegos, a realización de actividade física entre a poboación maior de 60 anos.
Na compaña do xerente da Fundación Deporte Galego, Iván Clavel, e da subdirectora xeral de Estilos de Vida Saudable, Sagrario Pérez, Durán explicou o funcionamento dun plan co que se pretende crear unha rede comunitaria coa que mellorar a calidade de vida e o benestar dos usuarios do sistema sanitario público galego.
Neste senso, os profesionais dos centros de saúde -persoal médico, enfermeiro e fisioterapeuta- daqueles municipios adheridos ao programa, poderán prescribir a realización de actividade física entre os pacientes que o consideren necesario. Así, terá a posibilidade de derivalos cara a un promotor de exercicio físico municipal -graduado en Educación Física-, que se encargará de deseñar e avaliar un plan personalizado de acordo ás necesidades de cada persoa.
Cando o persoal sanitario detecte que unha persoa é susceptible de participar neste programa, ben sexan pacientes sas ou pacientes con factores de risco cardiovascular: diabetes, hipertensión, dislipemia, obesidade, sobrepreso ou sedentarismo, poderá convidala a participar nesta iniciativa que promove a realización de exercicio físico. Así, preténdese que a permanencia das persoas usuarias no programa teña unha duración máxima de nove meses.
“Conxugar a realización de exercicio físico cunha alimentación equilibrada e un correcto descanso son factores clave para acadar unha calidade de vida óptima, no que atinxe á saúde física e mental”, subliñou a directora xeral.
A primeira convocatoria de “Adestra a túa Saúde” contará coa participación de 23 concellos galegos. En concreto, os de Abegondo, As Neves, Ares, Arteixo, Baiona, O Carballiño, Camariñas, Cenlle, Curtis, A Estrada, Malpica de Bergantiños, Mondoñedo, Monfero, Outes, O Pino, Ponteareas, Ponteceso, Ribadavia, Rois, Santa Comba, Santiso, Silleda e Xinzo de Limia.
O programa, dotado con fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia (MRR) e un orzamento que se aproxima aos 700.000 euros, permitirá o desenvolvemento dunha plataforma de prescrición desde a que se poida realizar un seguimento das persoas participantes, a compra de material para a avaliación da condición física, a formación de profesionais sanitarios e do deporte, ou a mellora dos espazos deportivos municipais.
Así, cada un dos concellos que participan este ano en “Adestra a túa Saúde” percibirán unha achega de 10.000 euros para levar a cabo o desenvolvemento deste programa.
A Xunta de Galicia desenvolve na actualidade diferentes iniciativas que teñen por obxectivo promover os Estilos de Vida Saúdables entre a poboación galega, como é o caso do Plan Obesidade Zero 2022-2030, a plataforma Sanidade Mediaverso, ou a ferramenta Atopa a túa Saúde, coa que o Observatorio de Saúde Pública de Galicia permite atopar con facilidades os recursos sanitarios e actividades saúdables coas que conta cada concello.