Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2023
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto de construción dos novos itinerarios peonís de Mabegondo e de Montouto, no concello de Abegondo.
Estas novas sendas na estrada autonómica AC-542 suporán un investimento da Xunta de 547.525 euros, incluíndo o pagamento dos 19 predios necesarios para impulsar esta actuación.
Mediante esta nova intervención de mellora da mobilidade peonil e de reforzo da seguridade viaria, a Xunta habilitará dous treitos de senda na marxe dereita desta vía autonómica, independentes entre si, que se executarán nas parroquias de Mabegondo e de Montouto.
A súa publicación hoxe no DOG recolle o acordo aprobado na reunión do Consello da Xunta do pasado 23 de febreiro, no que tamén foi aprobado o trámite de información pública deste novo proxecto no concello. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/31qEUI
O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé licitar as obras e convocar o levantamento de actas previas das expropiacións no segundo trimestre de 2023, co obxectivo de iniciar os traballos no outono. A actuación ten un prazo de execución de 6 meses.
O detalle das actuaciónsMáis en detalle, no treito de Mabegondo actualmente hai beirarrúas e aparcadoiros en liña na marxe esquerda, pero en Montouto non hai beirarrúas en ningunha das marxes, polo que cómpre dotar sendas polas que os veciños poidan transitar a pé con seguridade.
En Mabegondo construirase unha senda entre a intersección coa estrada AC-221 e a glorieta situada na intersección coa estrada provincial. O itinerario terá 430 metros de lonxitude.
Na parroquia de Montouto, executarase un itinerario de 480 metros que finalizará no cruce coa estrada provincial.
De acordo co proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, en total executaranse máis de 900 metros de senda cunha anchura de 2,5 metros, aínda que nalgunha zona concreta disporase dun ancho algo inferior. En concreto, no itinerario de Mabegondo hai unha zona na que a senda terá 2 metros de ancho para evitar a demolición do peche que delimita o aparcadoiro do supermercado.
Os novos itinerarios executaranse en formigón e irán elevados sobre o actual firme da estrada.
Ao longo do trazado disporanse colectores para a canalización das augas pluviais, que serán recollidas en sumidoiros, que se construirán cada 30 metros no bordo da estrada. Completaranse os traballos co desmonte e a substitución de biondas e das varandas e coa ampliación da drenaxe transversal no tramo de Montouto.
A Xunta segue traballando para reforzar a seguridade dos peóns, usuarios vulnerables das estradas e para dar continuidade a treitos de senda que xa executou en colaboración co Concello.