Santiago de Compostela, 28 de decembro de 2023
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto da transferencia a prol do Concello de Tomiño da estrada PO-195 en Forcadela.
En concreto, transfírese o treito desta vía autonómica de algo máis de 1,5 quilómetros de lonxitude, entre o quilometro 0+020 e o 1+530, incluído o seu dominio público viario.
O cambio de titularidade inclúe tamén a obra de paso sobre o río do Hospital da Briña, agás os nós de conexión coa PO-552 no seu inicio e final.
Esta transferencia materialízase logo de rematar a Xunta as obras de construción dunha senda peonil ao seu paso por Forcadela.
Coa publicación hoxe do decreto de cambio de titularidade no Diario Oficial de Galicia, o Concello de Tomiño terá a competencia para actuar neste treito da estrada PO-195 ao seu paso por Forcadela e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación, é dicir, desde mañá.
Na seguinte ligazón ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado 14 de decembro: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231228/AnuncioG0533-201223-0002_gl.html.