Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2024.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) o decreto do cambio de titularidade a prol do Concello do Carballiño de distintos treitos en tres estradas autonómicas ao seu paso polo municipio.
En concreto, trátase da estrada OU-172, de 780 metros de lonxitude que discorre entre a N-541 e o quilómetro 27+670 da OU-902; e dos treitos antigos da OU-902, denominados OU-171 e OU-173, na Esgueva, e na Veiga, de 1.057 e 680 metros de lonxitude, respectivamente.
A Xunta mantén a titularidade dos nós de conexión da OU-172 e dos treitos antigos da estrada OU-171 e da OU-173 coa estrada OU-902.
Na seguinte ligazón ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado 21 de decembro: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240108/AnuncioG0533-281223-0002_es.html
Coa publicación hoxe do decreto de cambio de titularidade no Diario Oficial de Galicia, o Concello do Carballiño terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación, é dicir, desde mañá.