Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2023 O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o cambio de titularidade a prol do Concello de Padrenda de distintos treitos da estrada autonómica OU-801 no núcleo da Agra.
Concretamente, transfírese a titularidade de dous treitos antigos na marxe dereita da OU-801, de 108 e 220 metros de lonxitude, respectivamente, xunto co seu dominio público.
O cambio de titularidade inclúe, ademais, a franxa de dominio público da área recreativa da Agra, cunha superficie de 2.360 m2, situada na marxe esquerda da OU-801, entre o punto quilométrico 23+050 e o 23+120.
A Xunta da así resposta á solicitude do Concello, que prevé actuar na mellora da área recreativa da Agra.
A transferencia tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que establece a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.
Coa publicación hoxe deste decreto, o Concello de Padrenda terá a competencia para actuar nesta vía e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.
Na seguinte ligazón ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado 19 de xaneiro: https://acortar.link/P6d4KV
Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, é dicir, desde mañá.