A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do expediente de información pública dun novo treito da autovía Santiago-A Estrada. Trátase de 7,5 novos quilómetros desta autovía autonómica libre de peaxe entre A Ramallosa (Teo) e o enlace coa PO-841, no Rollo (A Estrada).
No seguinte enlace ao DOG pódese consultar esta resolución, que tamén recolle a aprobación definitiva do proxecto de trazado do primeiro subtreito entre A Ramallosa e Pontevea(AC-241): https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20230103/AnuncioG0181-121222-0001_gl.html
Este primeiro subtreito contará cun investimento que superará os 33 M€, incluíndo o pagamento dos 291 predios necesarios para impulsar estas obras.
A Xunta prevé iniciar en xaneiro as expropiacións do primeiro subtreito e licitar as obras ao longo do 1º trimestre do ano co fin de comezalas a finais de 2023 e desenvolvelas nun prazo de 20 meses.
De forma paralela, seguirase traballando no proxecto construtivo do segundo subtreito entre Pontevea e O Rollo, que constará dun orzamento de 34,4 M€.
Esta intervención, no seu conxunto, permitirá reducir a 10 minutos os tempos de viaxe entre Santiago de Compostela e A Estrada, tras un investimento global de máis de 65 millóns de euros.
Características do 1º subtreitoO novo trazado discorre de norte a sur, cunha lixeira orientación cara ao oeste e paralelo á estrada AC-841, atravesando o municipio de Teo.
Cómpre lembrar que o proxecto de trazado someteuse a información pública e consulta das administracións afectadas e conta con declaración de impacto ambiental favorable.