Santiago de Compostela, 20 de agosto de 2022
A Xunta recibiu 10 ofertas para executar as obras da nova senda na estrada PO-402 entre Oleiros e Leirado, en Salvaterra de Miño, que suporá un investimento da Xunta de 1,5 millóns de euros.
O obxectivo da actuación, que se prevé iniciar en novembro para que estea rematada no vindeiro verán, é mellorar a mobilidade a pé e o reforzo da seguridade, especialmente dos usuarios máis vulnerables das estradas, peóns e ciclistas.
Trátase dun itinerario mixto, fundamentalmente de uso peonil, que dará continuidade aos treitos de senda xa executados a través de distintas actuacións levadas a cabo nos últimos anos.
Actuarase en 4,6 km de estrada, coincidindo cos treitos con vivendas que se atopan entre as parroquias de Oleiros e de Leirado, e mellorando o acceso a zonas de equipamentos como a igrexa e establecementos hostaleiros e de alimentación.
O itinerario será de formigón coloreado e terá un ancho mínimo de 1,80 metros e estará elevado 10 centímetros sobre a estrada para unha maior seguridade. Ademais, contará con pavimento podotáctil nos vaos peonís, para favorecer o tránsito de persoas coa capacidade visual diminuída.
Para fomentar os desprazamentos a pé dos veciños, disporanse 3 pasos de peóns con iluminación específica, un deles sobreelevado, para mellora da mobilidade e unha mellor accesibilidade á nova senda. Xunto con isto, e coa finalidade de facilitar o acceso ao transporte público, acometeranse 4 marquesiñas, renovando as actuais.
Ademais aproveitaranse os traballos para mellorar o trazado dunha curva con radio reducido, no quilómetro 4+900, sen necesidade de expropiacións.
A actuación completa outras obras de mellora da mobilidade peonil executadas con anterioridade para unir Oleiros con Salvaterra a través da PO-400 e da PO-402.
A intervención conta con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19.
A Xunta aposta pola mobilidade sostible e saudable, xa que estes itinerarios peonís convidan a andar e a non coller o coche para os desprazamentos diarios, contribuíndo ao coidado do medio.
O Goberno galego leva executados 200 km de sendas en toda Galicia cun investimento de 50 M€.