A Xunta recibe 10 ofertas para as obras do segundo tramo da autovía AG-59, entre Pontevea, en Teo, e O Rollo, na Estrada

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2025

A Xunta recibiu 10 ofertas de empresas para executar as obras do segundo tramo da prolongación da autovía AG-59, dende Pontevea, en Teo, ata O Rollo, na Estrada, nas que inviste un orzamento de 33 millóns de euros.

Este segundo treito, de 4km, entre Pontevea e O Rollo, discorrerá paralelo á estrada AC-841 e, ao final do tramo, incluirá un enlace consistente na construción dunha glorieta a nivel sobre o citado viario autonómico. A actuación inclúe 9 novas estruturas: viaduto do río Ulla, viaduto do río Vea, 4 pasos inferiores, 1 paso superior e 2 muros.

A previsión da Xunta é iniciar as obras deste segundo treito no outono, e que estean rematadas en 2028, completando así a autovía ata o concello da Estrada.

Hai que lembrar que a Administración autonómica ten actualmente en execución o treito de prolongación da AG-59 de 3,5km entre A Ramallosa e Pontevea (Teo), cun investimento de 36 millóns de euros, coa previsión de que estea rematado a finais deste 2025. Esta actuación inclúe 6 novas estruturas: o viaduto de Santa Lucía de 150 m de lonxitude, 3 pasos inferiores e 2 pasos superiores (un en cada enlace).

Unha vez completadas ambas fases, a infraestrutura permitirá realizar o percorrido entre Santiago e A Estrada en apenas dez minutos, o que suporá unha mellora significativa na seguridade viaria e no acceso aos servizos públicos, ao tempo que facilitará o asentamento de empresas e a fixación de poboación nas comarcas de interior.

Coa construción desta nova infraestrutura, a Xunta de Galicia busca aumentar notablemente a capacidade do itinerario entre A Ramallosa e A Estrada, mellorar a seguridade viaria e facilitar a comunicación entre Santiago de Compostela e a comarca de Tabeirós-Terra de Montes.