A Xunta recibe 11 ofertas para executar a mellora do firme en 3 estradas autonómicas nos concellos de Arzúa, Boqueixón, Lousame e Touro, cun investimento de máis de 1 M€

Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade recibiu 11 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme en 3 estradas autonómicas ao seu paso polos concellos de Arzúa, Boqueixón, Lousame e Touro e que suporán un investimento de 1.006.100 euros.

 

A actuación, cun prazo de execución de seis meses, prevé rehabilitar o firme en varios treitos das estradas AC-207, AC-308 e AC-960, que discorren polos citados concellos da provincia da Coruña.

 

A previsión da Xunta é comezar as obras na primavera, co fin de telas rematadas neste mesmo ano.

 

Os traballos obxecto deste contrato consistirán en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, ademais da renovación da sinalización horizontal.

A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.