Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 2026
A Xunta recibiu 11 ofertas de empresas para executar o último treito da autovía que unirá Lugo e Sarria, a AG-22, cun investimento de 37,7M€.
Tratase das obras do segundo e último tramo da autovía, correspondente co desdobramento do treito Nadela-A Pobra de San Xiao. Os traballos contarán cun prazo de execución de 36 meses, e a previsión é poder iniciar as obras este mesmo ano.
En concreto, esta intervención permitirá actuar nun treito de 13,5 quilómetros, que se inicia na glorieta de Nadela e finaliza no enlace da Pobra de San Xiao, xa en servizo. Entre as intervencións singulares previstas están os enlaces do Corgo e Maceda, un cruzamento de vía baixo a autovía A-54, a execución de dous viadutos no río Chamoso e no de Neira ou a ampliación de 13 pasos superiores e sete inferiores.
Este novo paso para converter o actual corredor nunha vía de alta capacidade permitirá acurtar o tempo de viaxe e adiantar sen risco, debido a que contará con dúas calzadas con dous carrís cada unha. Ofrecerá unha condución moito máis lineal, cómoda e previsible, reducindo significativamente os tempos de percorrido entre a capital e a comarca de Sarria, ao tempo que facilitará unha conexión moito máis eficiente cos grandes eixes de comunicación nacionais, como a A-6 e a A-54, que conflúen no nó de Nadela.
Neste sentido, espérase que arredor de 100.000 usuarios se beneficien deste viario que estará limitado a 120 km/h, ademais dos transportistas que a utilicen para as súas viaxes de traballo –estímase que circulen por ela máis de 8.000 vehículos ao día.