A Xunta recibe 3 ofertas para executar a 1ª fase de mellora da estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, no concello de Folgoso do Courel, cun investimento de 3,4 M€

Santiago de Compostela, 5 de xaneiro de 2022.- A Xunta vén de recibir 3 ofertas de empresas para executar as obras da 1ª fase de mellora da estrada LU-651 entre Ferrería Vella e Seoane do Courel, no concello de Folgoso do Courel, que suporán un investimento de 3,4 millóns de euros e se executarán co máximo respecto ambiental e minimizando afeccións.

O obxectivo é iniciar as obras a finais da primavera, tendo un prazo de execución de 12 meses, polo que os veciños do Courel contarán no verán de 2023 coa estrada LU-651 renovada e mellorada neste treito de 3,5 km, entre Ferrería Vella e Seoane.

Trátase dunha zona cun elevado valor ambiental, pois forma parte da Rede Natura, con bosques autóctonos cun atractivo paisaxístico sen igual. Neste sentido, o deseño do proxecto conxuga a mellora da funcionalidade e da seguridade da vía e os valores ambientais.

Para minimizar as molestias aos veciños, o groso dos traballos se realizará no verán, cando xa non haxa colexio, para non incrementar os tempos de viaxe do autobús do CEIP Uxío Novoneyra.

Nesta 1ª fase ensancharase a estrada para dotala de 2 carrís de 3 metros e beiravías de 50 cm. Tamén se executarán cunetas de seguridade transitables, de 90 cm de ancho, que mellorarán a seguridade.

O proxecto inclúe a rectificación de varias curvas, alí onde a orografía o permita, tendo en conta que a traza da estrada está marcada pola presenza do río Lor no fondo do val, con pendentes moi elevadas, do 10% e radios reducidos.

Ademais será preciso ampliar 2 pontóns existentes neste treito, que se fará a través de taboleiros de vigas e laxas voadas para minimizar a afección.

As obras recollen a mellora da drenaxe da propia plataforma e a drenaxe lonxitudinal e transversal; a construción de 2 muros de sostemento de terras; e a renovación dos sistemas de contención dos vehículos, ademais da mellora do firme da estrada en todo este treito de 3,5 km, xunto coa renovación da sinalización.

Tamén se habilitará un aparcadoiro para autobuses en Seoane, ao carón da parcela onde están actualmente os servizos de Protección Civil, co fin de facilitar a chegada de turistas e visitantes.

No lugar de Ferrería Vella renovarase a marquesiña existente á saída do núcleo e pavimentarase a travesía.