Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2023 A Xunta recibiu 4 ofertas de empresas para a xestión do sistema de depuración das augas superficiais da autovía Ferrol-Vilalba, a AG-64, ao seu paso polo concello das Pontes de García Rodríguez.
Mediante este contrato, que suporá un investimento de case 3,8 millóns de euros, levaranse a cabo os servizos de explotación e optimización das instalacións de tratamento físico-químico para corrección do pH das augas superficiais no tramo da autovía á altura de Mariñadela, así como da decantación e separación dos lodos residuais, de modo que no medio natural se garanta pH normal.
Os traballos, que contan cunha duración de 4 anos, iniciaranse o 1 de xaneiro de 2024, ao remate do actual contrato, que vence o 31 de decembro deste ano.
AntecedentesTras as obras realizadas na construción da AG-64, concretamente no tramo pertencente ao concello das Pontes de García Rodríguez, á altura de Mariñadela, quedaron ao descuberto materiais piríticos cuxa oxidación acentuaban a acidez que xa posúen de forma natural as augas da zona, cos conseguintes efectos na conca do río Chamoselo, tributario do Eume, e no Eume.
Para corrixir os problemas detectados, a Xunta desenvolveu un plan de actuación encamiñado a minimizar as causas que provocan a acidificación, procedendo ao selado do vertedoiro-amoreo dos Airíos, gunitado dos noiros do desmonte da Mourela e impermeabilización dos noiros do terraplén da autovía.
En paralelo a estas intervencións, definiuse un tratamento integral dos cursos de auga afectados pola acidificación, nos ríos Eume e tributarios e no encoro do Eume, alcanzándose unha situación estable en canto ao funcionamento do sistema de tratamento das augas ácidas, cuxo mantemento foi asumido pola Xunta.
Os traballos obxecto de contrataciónEn detalle, o obxectivo deste contrato é a explotación das instalacións de tratamento físico-químico para corrección do pH das augas superficiais, así como da decantación e separación dos lodos residuais, de modo que no medio natural se garanta o pH normal.
Os traballos consisten na neutralización controlada do efluente, para o que existe unha rede de pHmetros en todos os treitos dos ríos Chamoselo e Lavadoiro e os seus afluentes principais, con puntos de adición de hidróxido de cal en función do pH do punto de control do río e do de augas abaixo. En concreto, no río Eume existen dous pHmetros de control augas abaixo da desembocadura do río Chamoselo.
Tamén se realizará a precipitación da fracción insoluble mediante decantación, a extracción dos lodos decantados e a súa deshidratación mediante filtro prensa.