A Xunta recibe 6 ofertas de empresas para executar as obras da nova senda na estrada AC-524 en Frades, que suporán un investimento de 242.000 euros

Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2022

A Xunta recibiu 6 ofertas de empresas para executar as obras da nova senda na estrada AC-524 en Frades, que suporán un investimento autonómico de 242.000 euros.

 

O obxectivo é iniciar os traballos a comezos da primavera co fin de que no verán os veciños de Frades poidan desfrutar desta nova senda peonil.

 

Trátase dun itinerario que lle permitirá facer os seus desprazamentos cotiás entre os núcleos de poboación de Pibideira, O Pazo e Sobre dos Campos,  e continuar logo pola senda actual da travesía da Abellá, de forma cómoda, segura e saudable.

 

O novo itinerario, de 770 metros de lonxitude, permitirá a conexión do núcleo rural de Pibideira cos do Pazo e Sobre dos Campos. A nova senda desenvolverase pola marxe esquerda da estrada, dando continuidade á xa existente na travesía de Abellá.

 

Nas zonas de cruce con outras vías empregarase pavimento podotáctil, de cor e textura diferente, que advertirá da proximidade a ese cruzamento de vías; e nos pasos de peóns, colocarase tamén pavimento podotáctil, indicativo para facilitar o tránsito das persoas con problemas de visión.

 

Como obras complementarias á execución da propia senda realizaranse traballos de drenaxe das augas pluviais; a preinstalación para o alumeado público; e a reposición dos servizos e sinais que se vexan afectados na intervención.  

 

A actuación conta con financiamento da Unión Europea dos fondos REACT EU de resposta contra a pandemia.

 

A nova senda en Frades enmárcase na aposta da Xunta pola mobilidade segura, menos contaminante e máis beneficiosa para a saúde, que xa ten permitido poñer á disposición dos galegos máis 200 km de sendas grazas a un investimento autonómico de 50 M€.