Santiago de Compostela, 21 de abril de 2022.- A Xunta recibiu 6 ofertas de empresas para executar as obras para dotar de acceso o parque empresarial de Beariz desde a estrada autonómica OU-212, o que suporá un investimento autonómico de 445.000 euros.
O obxectivo da Xunta é iniciar estes traballos en setembro, polo que que a comezos de 2023 poderán estar rematados, xa que contan cun prazo de execución de 4 meses.
En paralelo ao proceso de adxudicación das obras avanzarase nas expropiación das 6 fincas necesarias para que o futuro parque empresarial dispoña dun acceso cómodo e seguro desde a OU-212.
Esta actuación é o resultado dun estudo onde se analizaron seis alternativas, tendo en conta a xeometría da estrada, a funcionalidade e a seguridade viaria. A solución concreta a proposta recollida no Plan Especial de Creación de Solo Industrial do Concello de Beariz, desenvolvéndoa segundo o previsto no informe de sustentabilidade ambiental dese plan.
Actuarase na estrada OU-212 ao longo duns 250 metros, pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permitirá todos os movementos, en especial dos vehículos pesados que se acheguen ata o polígono.
A intervención inclúe a habilitación de cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación á estrada e tamén a saída cara ao polígono en condicións de seguridade, ademais de carril central de espera para favorecer os xiros desde esta estrada cara a área empresarial, pensando en ofrecer maiores facilidades aos camións.
Na zona onde se realizará a nova conexión o trazado está formado por unha recta duns 400 metros de lonxitude que, aproximadamente no seu punto medio, conta cunha estrutura de vigas prefabricadas que permite o paso sobre o regato existente.
Tamén se procederá á instalación de canalizacións de servizos baixo a berma que serve de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade á iluminación do parque empresarial, de forma que só sexa necesario a instalación de báculos e de cableado.