Santiago de Compostela, 6 de maio de 2023
A Xunta recibiu 6 ofertas de empresas para executar as obras de mellora do firme en 4 estradas autonómicas ao paso polas comarcas do Carballiño e do Ribeiro, que suporá un investimento de máis de 1 M€.
O obxectivo é acondicionar o firme nas estradas OU-206, no Carballiño; na OU-212, ao paso polos concellos de Avión, Carballeda de Avia, Leiro e Beade; na OU-901, en San Cristovo de Cea e no Irixo; e na OU-902, en San Cristovo de Cea e Vilamarín.
A previsión é comezar os traballos no verán para rematalos este mesmo ano, ao contar cun prazo de execución de 6 meses.
As intervencións consistirán na rehabilitación superficial do firme mediante o fresado e a reposición en arredor de 69 km de vía, completado co repintado das marcas viarias.
Ademais, nos traballos obxecto deste contrato inclúense outras actuacións adicionais, como a limpeza e reperfilado de marxes e a execución de gabias de seguridade de formigón.