A Xunta recibe 7 ofertas para executar as obras da senda entre o Peteiro e O Baño, no concello de Mugardos, que suporán un investimento de preto de 550.000 €

Santiago de Compostela, 1 de xaneiro de 2023 A Xunta recibiu 7 ofertas de empresas para executar as obras da senda entre O Peteiro e O Baño, no concello de Mugardos, que suporán un investimento de preto de 550.000 euros.

Esta actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade na estrada AC-131, ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria nesta estrada autonómica, ademais de contribuír a potenciar e poñer valor unha contorna de gran valor natural e de interese turístico, como é a praia da Bestarruza, a baía do Baño e o Castelo da Palma.

A Xunta segue avanzando na tramitación das obras para iniciar os traballos a comezos de primavera, cun prazo de execución de 4 meses, co obxectivo de por á disposición dos veciños de Mugardos xa no verán este novo itinerario.

Mediante esta nova actuación da Xunta no municipio coruñés, habilitaranse case 600 metros de senda pola marxe dereita da estrada autonómica AC-131, desde onde finalizan as beirarrúas actuais ata a vía urbana de acceso ao Baño.

A senda terá un ancho de 2,5 metros, agás nos seus primeiros metros que será máis estreita, con 1,25 metros, para salvar os peches existentes.

O itinerario deseñouse prevendo a máxima integración e o respecto ás propiedades e aos valores ambientais. Por iso, aínda que transcorre paralelo á vía, desviarase nalgún punto para non afectar ás árbores da contorna, dixo.

Tamén se executarán varios muros de mampostería para evitar a afección a unha vivenda e para reducir a altura do terraplén que presenta o terreo.

Esta intervención aproveitarase, ademais, para habilitar unha pequena zona de esparcemento, con mobiliario urbano, que sirva para o descanso e o desfrute dos veciños. Xunto con isto, executaranse traballos complementarios: drenaxe, alumeado, reposición de accesos ou restauración paisaxística.

As obras inclúen, coas achegas recibidas tras someter a información pública o proxecto, axustes no trazado da nova senda para mellorar a conexión cos itinerarios que xa hai: así, no inicio do treito ampliarase a beirarrúa actual ocupando parte da beiravía da estrada e tamén se ampliará a senda para que a chegada ao paso de peóns da rúa Rosalía de Castro sexa accesible.

A nova senda conta con fondos FEDER-REACT-UE como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19 dentro do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Este novo investimento da Xunta en Mugardos enmárcase na liña de traballo impulsada pola Xunta para poñer ao servizo dos galegos itinerarios peonís que faciliten os movementos do día a día de xeito cómodo e seguro, e cun maior respecto á contorna, evitando o uso do vehículo particular nos desprazamentos máis curtos.

Esta aposta da Xunta permitiu executar na última década máis de 200 quilómetros de sendas peonís cun investimento de 50 M€. Entre elas, a senda de case 4 km entre Mugardos e Ares, na AC-130, que supuxo un investimento autonómico de 1,5 M€; ou o itinerario entre Franza e Rilo, con 1,3 km e case 500.00 €, recentemente rematado