Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2025
A Xunta vén de recibir 7 ofertas para executar as obras de renovación do firme en tres estradas ao seu paso por oito concellos do sur da provincia de Pontevedra, cun investimento de máis de 2M€.
O obxectivo é levar a cabo unha renovación do firme para o mantemento e conservación das estradas PO-253, que circula desde Ponteareas a Pazos de Borbén; PO-354, que comunica A Guarda ata Oia, pasando polo Rosal; e a PO-402, que une Salvaterra do Miño e Mondariz, pasando por As Neves e Ponteareas.
As intervencións consistirán na rehabilitación superficial do firme destas estradas, con actuacións que inclúen a restauración ou mellora das características do pavimento, adecuando as súas necesidades funcionais e de durabilidade.
En concreto, as obras incluirán a reparación de zonas de firme danado mediante fresados localizados e reposición dunha capa de firme; selado de fisuras lineais con mestura bituminosa, renovación e homoxeneización da rodadura. Tamén se prevén a colocación de elementos de sinalización (captafaros, bandas transversais de alerta), así como a e execución dalgún elemento de seguridade vial, como pasos de peóns elevados.
A Xunta segue a traballar para manter as vías da súa titularidade nas mellores condicións e para garantir a seguridade viaria aos usuarios, destinando neste exercicio 68 M€ á súa conservación.