Santiago de Compostela, 30 de abril de 2023 A Xunta recibiu 8 ofertas para executar as obras do eixe de mobilidade sostible no treito entre a estación intermodal e o complexo administrativo de San Caetano, no concello de Santiago.
Das 8 ofertas presentadas para executar estas obras 3 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 11 empresas.
Trátase da contratación das obras do itinerario que partirá da rúa Clara Campoamor, na estación intermodal, e finalizará en San Caetano, licitado por un investimento de preto de 2,4 M€.
Esta actuación forma parte dos itinerarios para peóns e ciclistas que conformarán un eixe de mobilidade sostible na cidade, con pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado, cuxo trazado está consensuado co Concello de Santiago.
A intervención é impulsada pola Xunta ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation, co fin de favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera.
As obras no treito terminal de autobuses- San CaetanoEn concreto, as obras deste eixe de mobilidade sostible entre a estación intermodal e San Caetano partirá da rúa Clara Campoamor e finalizará no complexo administrativo da Xunta.
A previsión é iniciar no outono os traballos, que contan cun prazo de execución de 15 meses.
A intervención comezará polo acondicionamento dos treitos actuais, aos que se lle dará continuidade nas partes que non os hai, ao longo da marxe sur da liña do ferrocarril, ata a rúa Fontes do Sar.
Ademais prevese o cruzamento da SC-20 aproveitando o paso inferior da rúa Fontes do Sar, para subir polas rúas de Fontiñas, coincidindo coa ruta Eurovelo ata o nó de Concheiros, recentemente remodelado e xa nas proximidades do complexo administrativo da Xunta.
A maiores, como itinerario alternativo para peóns, máis curto pero de maior pendente, proponse a avenida de Lugo, polo que se mellorará o paso inferior baixo a SC-20 á altura da rúa Batalla de Conxo.
Tras a análise das achegas recibidas durante o trámite de información pública deste eixe, vaise reducir ata a metade a superficie a expropiar no entorno do lugar do Reiro e eliminaranse as pasarelas sobre o río Sar, empregando para o cruce as pontellas existentes.
Na contorna da Colexiata do Sar, o trazado finalmente adoptado será o que vai polo viario existente que discorre pegado á liña do ferrocarril e que conecta a rúa de Clara Campoamor coa rúa de Sar, en lugar do itinerario pola contorna da Colexiata de Sar proposto inicialmente.