Santiago de Compostela, 25 de agosto de 2022.- A Xunta recibiu un total de 9 ofertas para executar a primeira fase do acondicionamento da estrada PO-546 (Pontevedra-Marín), na vía da Estribela.
A actuación supón un investimento autonómico de case 950.000 euros e prevese que estea completada no 2023, xa que ten un prazo de execución de 12 meses.
O obxectivo principal das actuacións é garantir desprazamentos sen riscos na zona e que os peóns teñan máis protagonismo que os vehículos e se garanta a súa seguridade.
Acometerase unha transformación integral coa reurbanización dun treito de 500 metros, no que se modificará a sección transversal para poder ampliar as beirarrúas e dotalas dun ancho mínimo de 2 metros, de forma que se favorezan os desprazamentos a pé e se asegure a accesibilidade.
Preténdese facer compatible a humanización da vía co mantemento do dobre sentido de circulación, tendo en conta o pouco espazo dispoñible. Por iso, a ampliación da plataforma farase con estruturas de distintos tipos, desde un voadizo a recheos e muros de contención, demolendo unhas edificacións que están en ruínas.
Ademais, para conseguir o calmado de tráfico e a seguridade viaria, instalaranse tres pasos de peóns sobreelevados que contarán con iluminación específica e cun sistema intelixente que detecte ao peón nas inmediacións e active a sinalización.
Tamén se mellorarán as paradas de autobús, coa disposición de novos refuxios e renovarase a iluminación da vía, ademais do fresado e estendido unha nova capa de firme, a reposición da drenaxe e dos servizos afectados e a sinalización horizontal e vertical.
Esta intervención contará con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia do programa Next Generation UE de mobilidade sostible.
Así, o vindeiro ano a Xunta culminará o acondicionamento e mellora da seguridade viaria en Estribela, co que comezará a transformación da estrada Marín-Pontevedra nun eixe de mobilidade sostible.
Estas obras forman parte dun proxecto máis amplo, unha intervención no conxunto da vía coa que se promove unha mobilidade máis saudable, sostible e segura, tanto a pé como en bicicleta.
En total, a Xunta investirá 7 millóns de euros para a transformación da PO-546, que continuará entre Mollabao e Os Praceres e seguirá cun novo treito entre Estribela e o límite con Marín, ademais da zona pendente de mellora da rúa Concepción Arenal, tamén en Marín. Estes proxectos, sobre os que xa se están a traballar, someteranse a información pública no outono.