A Xunta recibe as ofertas de 13 empresas para executar unha senda na PO-313 entre Pardavila e Cadro, en Marín, licitadas por máis de 610.000 euros

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2022.- A Xunta recibiu un total de 13 ofertas de empresas para executar unha senda na estrada autonómica PO-313, entre Pardavila e Cadro, no concello de Marín, licitadas por un importe de 611.849 euros.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé desenvolver esta actuación durante este mesmo ano, xa que ten un prazo de execución de nove meses.

Os actos expropiatorios leváronse a cabo xa nos meses de setembro e de decembro do pasado ano. A actuación suporá un investimento total de 650.000 euros, incluíndo o pagamento dos predios precisos para executar as obras.

Esta intervención consiste na construción dun itinerario na marxe esquerda da estrada PO-313, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 3+330 e 4+130, coa finalidade de seguir mellorando a seguridade viaria na contorna e fomentar a mobilidade sostible.

O novo itinerario proxéctase en formigón cor terrizo e estará limitado exteriormente por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. O ancho do itinerario será variable, sendo como mínimo de 1,8 metros.

De modo complementario mellorarase a seguridade viaria dunha intersección e instalarase unha nova marquesiña nunha parada de bus.

Tamén se trasladará lixeiramente un cruceiro que hai na marxe esquerda da estrada, no punto quilométrico 3+350 ata o 3+340, que actualmente provoca que o espazo entre este e a vía non sexa suficiente para dispor un ancho mínimo de senda.

Os traballos incluirán, ademais, a revalorización do cruceiro, acondicionándose a contorna da súa nova situación, creando un espazo público para desfrute dos veciños. Para o pavimento empregaranse as propias pedras das edificacións situadas agora neste punto. Disporase, ademais, iluminación e varios bancos.

Esta nova senda dará continuidade ao itinerario executado pola marxe esquerda da PO-313, de preto de 2 quilómetros, logo dun investimento da Xunta de 715.000 euros, actuacións cofinanciadas con fondos FEDER 2014/2020.

Trátase da senda que comeza á saída da travesía de Marín, dá continuidade ás beirarrúas existentes e chega ao lugar de Pardavila, unha vez pasado o enlace coa Variante de Marín. En conxunto, conformarase un itinerario continuo de case 3 quilómetros nesta estrada, entre os puntos quilométricos 1+380, en Coirados, e 4+130 en Cadro, no que supón unha importante mellora da seguridade peonil nesta estrada.

Estas actuacións enmárcase no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, co que a Xunta está a habilitar, nas estradas da súa titularidade, 8 itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe cun investimento superior aos 4,5 millóns de euros.