A Xunta recibe oito ofertas para executar as obras de conexión dun viario de concentración parcelaria coas estradas PO-531 e PO-301 en Vilanova de Arousa

Santiago de Compostela, 25 de xaneiro de 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas recibiu un total de oito ofertas  para a execución das obras de conexión dun viario de concentración parcelaria coas estradas autonómicas PO-531 e PO-301, no concello de Vilanova de Arousa.

Esta actuación suporá un investimento autonómico de máis de 900.000 euros, e o obxectivo da Xunta e executar as obras ao longo deste ano. O prazo de execución dos traballos é de 12 meses.

Trátase de obras en dous puntos distintos, nos extremos. En Ponte Arnelas conectarase un ramal coa glorieta de enlace coa PO-301, que tamén se remodelará con esta actuación; mentres que en Baión se executará unha nova glorieta para enlazar coa PO-531. Deste xeito, aproveitarase o potencial deste viario de case 5 quilómetros, xa que ata agora non estaba resolta esa comunicación de xeito directo e seguro nestes puntos.

A intervención inclúe a construción dunha nova glorieta en Baión e a remodelación doutra en Ponte Arnelas, ademais dos ramais de acceso correspondentes.

Con esta actuación trátase de proporcionar funcionalidade a este viario, tamén coma alternativa á estrada  provincial Baión-András, evitando o paso polos núcleos urbanos. Así, ademais de reforzar a seguridade de condutores e peóns, diminuirá o tráfico na citada estrada provincial, co consecuente beneficio para a veciñanza.