A Xunta recibe sete ofertas para executar o reforzo do firme en tres estradas ao seu paso por 10 concellos da provincia de Lugo, licitadas por máis de 3,6 M€

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2026

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas,  vén de recibir sete ofertas para executar as obras de reforzo do firme nas estradas de titularidade autonómica LU-633, LU-546 E LU-621, nos seus percorridos polos concellos da provincia de Lugo do Corgo, Portomarín, Pedrafita do Cebreiro, Baralla, Láncara, Paradela, O Páramo, Sarria, Triacastela e Monforte de Lemos.

As obras, que foron licitadas por un investimento de máis de 3,6M€ (3.629.679,91€), teñen como obxecto a rehabilitación da capa de rodaxe para mellorar as condicións de circulación nos distintos treitos destas estradas. O prazo de execución dos traballos é de seis meses.

En concreto na LU-633, que comunica Pedrafita e o Alto do Hospital, intervirase en tres treitos que suman 48,50 quilómetros de lonxitude, e se corresponden cos puntos quilométricos 0+000 a 13+500, 26+840 a 27+870 e 50+000 a 84+050.  

Na estrada LU-546, Nadela-Monforte, intervirase en dous treitos, entre os quilómetros 10+085 a 13+700 e do 51+720 a 55+560; sumando en total os 7,4 quilómetros  de lonxitude.

Finalmente, na estrada LU-621, que una A Pobra de San Xiao-Baralla,  a intervención centrarase entre os puntos 11+300 a 19+000, actuándose  en total en 7,7 quilómetros de lonxitude desta vía.

En total, os treitos das tres estradas de titularidade da Xunta obxecto deste contrato de acondicionamento do firme, superan os 63 quilómetros de lonxitude.

As actuacións consistirán na renovación superficial do firme existente nos distintos treitos destas vías de titularidade autonómica.

Ademais, complétase a actuación co repintado de todas as marcas viarias dos treitos de actuación, así como coa reposición da sinalización horizontal.

Todo isto, co fin de prolongar a vida útil do pavimento e mellorar a comodidade e seguridade dos usuarios das vías de titularidade autonómica.

As intervencións obxecto deste contrato non implican a realización de expropiación algunha, xa que todas están incluídas dentro da franxa de dominio público.

A Xunta segue a traballar e a apostar tamén pola mellora das características da rede actual de estradas de titularidade autonómica, supoñendo un menor custo de mantemento a longo prazo e unha mellora da seguridade viaria.