Madrid, 10 de setembro de 2025
A Xunta reforza a aposta pola conservación das estradas autonómicas coa licitación no que vai de ano de obras de mellora de firmes cun investimento de preto de 44M€.
Así o destacou hoxe o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, que interveu hoxe na 33ª Semana de la Carretera, organizada pola Asociación Española de la Carretera.
Nestas xornadas técnicas, que se levan a cabo hoxe e mañá en Madrid, participan representantes de todas as administracións titulares de estradas: Estado, Comunidades Autónomas e Deputacións; así como a Dirección General de Tráfico e o sector privado.
Francisco Menéndez remarcou a importancia das redes viarias autonómicas para acadar a vertebración territorial, de modo complementario coa rede estatal. Neste sentido, sinalou que o Goberno galego segue traballando para aumentar e mellorar esta rede, asegurando unha axeitada conservación e preparándoa para eventos climáticos extremos.
Ademais o director puxo en valor o esforzo especial da Xunta co rescate das concesións de peaxes en sombra nas autoestradas do Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión, materializado a finais de 2024. Subliñou que isto permite afrontar novos investimentos en materia de estradas grazas ao aforro de máis de 340 M€ ata o final das concesións.
Detallou que esta medidas posibilitou iniciar ou licitar esta ano obras como o novo tramo da VAC Tui-A Guarda, das autovías Santiago-A Estrada, Brión-Noia e próximamente da autovía Nadela-Sarria ou a prolongación da da Costa da Morte, entre outras.