Santiago de Compostela, 17 de febreiro de 2023 O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, reiterou hoxe a proposta da Xunta de transferirlle ao Concello de Vilaboa o treito da PO-264 para adaptar a xestión á súa funcionalidade local.
Francisco Menéndez lembrou hoxe na Comisión 2ª do Parlamento que a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo recentemente unha reunión co alcalde, César Poza, trasladándolle a opción de asumir o Concello a titularidade deste tramo para poder acometer as actuacións que considere oportunas.
Recordou que o treito desta vía ao paso por Vilaboa ata a N-550 non ten xa funcionalidade dentro da rede autonómica de estradas, senón que é eminentemente local.
Tamén puntualizou que actuacións de calmado de tráfico solicitadas polo Concello, como os lombos de asno, non están permitidas pola normativa en materia de estradas autonómicas e só serían posibles se a titularidade do treito fose municipal, xa que este tipo de medidas son propias de vías locais.
Concretou ademais que ese tramo non está clasificado como treito de concentración de accidentes. Puxo como exemplos outros concellos da contorna, como Cangas, Moaña ou Bueu, polos que transcorre a estrada PO-551, na que a Xunta está a actuar para eliminar os puntos negros identificados, por tratarse de actuacións que se consideran prioritarias.
Neste sentido, en relación á construción de beirarrúas ou sendas peonís nesta vía, o director detallou que esta cuestión foi analizada no Plan de Sendas de Galicia e, tendo en conta os criterios técnicos obxectivos, non foi considerada como a intervención máis prioritaria.
Recordou que a Xunta actuou neste treito coa execución de obras de renovación da sinalización, no marco do Plan de reforzos de firme que o Goberno galego vén desenvolvendo nas estradas autonómicas.
No que se refire á solicitude municipal da conexión peonil entre o trazado da estrada PO-264 e a N-550, explicou que este tipo de configuracións debe vir precedida dalgunha actuación que lle dea continuidade na estrada nacional.
Ademais, indicou que esta conexión se situaría no noiro da N-550, polo que correspondería en último caso á Administración Xeral do Estado a súa execución.
Concluíu que, tal e como xa lle trasladou a conselleira ao rexedor, de entender o Concello que o treito inicial da PO-264 en Vilaboa necesita medidas de calmado de tráfico que prioricen o seu carácter urbano con respecto á súa consideración de estrada, a Administración local debe solicitar á Xunta o cambio de titularidade do tramo.