Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2023
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras das sendas de Montecelo e Bormoio, no concello de Coristanco, cun investimento de 777.000 euros.
A intervención levouse a cabo en varios treitos da estrada AC-552, concretamente entre os puntos quilométricos 34+400 e 34+860, e 44+300 e 45+080.
Trátase de algo máis de 1,3 km de sendas peonís en formigón coloreado en terra para facelas máis visibles e para unha mellor integración na contorna.
O primeiro dos itinerarios vai desde o final da senda que vén de Carballo ata a contorna do centro comercial, pola marxe esquerda da vía e cunha lonxitude de 800 metros.
No núcleo de Bormoio executouse o segundo treito de senda, cunha lonxitude de 560 metros pola marxe dereita da estrada, entre Agualada e o acceso ao cemiterio de Agrilloi. Neste treito, ao seu paso polo río Calvar, ampliouse a ponte mediante un voadizo que permitirá a integración na plataforma do espazo necesario para darlle continuidade á senda nese punto.
Os traballos completáronse coa mellora da drenaxe naquelas zonas onde xa existía rede de pluviais e, onde non había, coa dotación de colectores e a colocación dos pozos de rexistro necesarios para a conexión cos sumidoiros, ademais de pequenos muros de contención.
Os novos itinerarios darán continuidade á senda de 2,5 km que vai desde a saída de Carballo ata o inicio das beirarrúas de Coristanco e que supuxo un investimento da Xunta de 1,1 M€.
As intervencións contan con financiamento da Unión Europea dos fondos Feder 2014/2020 e dos fondos REACT EU.