Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de acondicionamento da parada de autobús situada na estrada autonómica PO-308, en Laño, no concello de Poio.
Os traballos, cun investimento de máis de 32.000 euros, consistiron no acondicionamento da zona da nova ubicación desa parada de autobús da estrada PO-308, trasladando a marquesiña que había no punto quilométrico 9+460 ata a contorna do punto quilométrico 9+400, no ámbito da cuña de deceleración existente.
Tamén se deu continuidade ao itinerario peonil na marxe dereita da estrada autonómica coa construción dun novo tramo de senda.
Dispúxose pavimento táctil de botóns e direccional nos vaos peonís e a presenza da parada de bus advírtese agora con pavimento podotáctil.
Ademais, habilitouse un novo paso de peóns no quilómetro 9+340 da estrada PO-308 para comunicar os itinerarios peonís das dúas marxes da vía con seguridade.
Ademais aproveitouse a intervención para colocar nova sinalización horizontal e a execución, baixo a senda, dunha gabia para a instalación de canalizacións de telecomunicacións.