A Xunta remata as obras de acondicionamento das beirarrúas na estrada PO-504 en Sanxenxo cun investimento de case 223.000 €

Santiago de Compostela, 12 de abril de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de acondicionamento das beirarrúas na estrada PO-504 en Sanxenxo, que supuxeron un investimento autonómico de preto de 223.000 euros.

A actuación, destinada a reforzar e mellorar a accesibilidade peonil e a seguridade viaria, centrouse no treito de máis de 3,7 km desta vía autonómica, entre os quilométricos 0+680 e 4+450.

Mediante esta intervención deuse continuidade, pola marxe esquerda da estrada, a un itinerario de ancho axeitado para facilitar o paso dos peóns, ao mesmo tempo que se ordenou o aparcadoiro e se melloraron os vaos.

Para iso, levouse a cabo a ampliación da beirarrúa existente onde esta non dispoñía de anchura suficiente e habilitáronse novos treitos de beirarrúa onde non os había.

Tamén se renovaron as baldosas deterioradas na beirarrúa da marxe esquerda, procedéndose, ademais, á elevación da cota de beirarrúa, á reordenación do aparcadoiro na marxe esquerda e á instalación de vallas de protección de contedores.

Ademais, executáronse novos sumidoiros, procedeuse á reubicación de semáforos e iluminación, á instalación de vallas de protección, ao repintado e á creación dun novo paso de peóns no punto quilométrico 1+230.