Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023
A Xunta vén de rematar as obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-214, no treito coincidente co Camiño de Santiago no concello de Cambre.
Estas intervencións desenvolvéronse na estrada autonómica AC-214, no punto 9+030, en Cambre, na traza do Camiño Inglés.
Os traballos consistiron no acondicionamento do cruce situado neste punto co fin de reforzar a seguridade e a visibilidade.
Tamén se acometeu un treito de senda para facilitar o tránsito a pé tanto dos veciños da contorna como dos peregrinos que transitan por este tramo do Camiño de Santiago.
Ademais, tamén se levou a cabo o reforzo da sinalización horizontal e vertical ao longo do treito.
As intervencións enmárcanse no programa de 39 obras de mellora da seguridade que o Goberno galego está a executar desde o pasado ano en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, cun orzamento de preto de 1,8 M€.
A Xunta dálle así continuidade ás 70 obras que levou a cabo no ano 2021 nas estradas autonómicas nos treitos coincidentes coa traza do Camiño de Santiago e que supuxeron un investimento de 1,4 M€.