Santiago de Compostela, 2 de maio de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade rematou as obras de mellora da seguridade viaria na estrada AC-445 en Estorde, no concello de Cee, no treito coincidente co Camiño de Fisterra, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.
A actuación, que comezou en febreiro, desenvolveuse no tramo desta ruta do Camiño de Santiago que cruza esta vía autonómica, entre os puntos quilométricos 5+260 e 6+053.
A intervención centrouse no acondicionamento deste tramo, coa execución dunha senda que suma un total de 631 metros de lonxitude e a condución de pluviais mediante 84 metros de tubaxe.
Completouse coa mellora da sinalización, coa disposición de novos sinais reflectores e con indicacións relativas ao Camiño de Santiago. Resta só a colocación dalgún dos sinais.
Estas obras teñen como obxectivo reforzar a seguridade dos usuarios máis vulnerables das estradas, como son os peregrinos.
A intervención, cun investimento de máis de 86.000 euros, está incluída nas 70 actuacións que a Xunta executou nas vías autonómicas para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, cun orzamento conxunto de 1,4 millóns de euros.
O Executivo autonómico segue traballando para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos.