A Xunta remata as obras de mellora da seguridade peonil na estrada autonómica LU-617 na contorna do cemiterio de Monforte de Lemos

Santiago de Compostela, 12 de xuño de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de rematar as obras de mellora da seguridade peonil na estrada autonómica LU-617, na contorna do cemiterio de Monforte de Lemos.

Os traballos, cun orzamento de case 40.000 euros, consistiron na ampliación das beirarrúas no acceso o cemiterio deste municipio lucense, no treito de 200 metros comprendido entre os puntos quilométricos 0+600 e 0+800 da estrada autonómica.

Actuouse nun treito recto, con beirarrúas no seu inicio e no seu final, ampliando as beirarrúas e acadando a mellora da seguridade da estrada mediante a separación física do tráfico de vehículos e do tráfico peonil, dándolle continuidade ao itinerario existente.

Ademais habilitáronse pasos de peóns e colocouse pavimento táctil na execución dos vaos.

Tamén se incluíu na actuación a recollida das augas superficiais, para o que se executaron 5 sumidoiros ao longo da traza, que se conectaron á rede de pluviais existente.

No marco das obras, acometeuse a canalización do alumeado público e dun prisma de 4 tubos para a rede de telecomunicacións, coas súas arquetas correspondentes.

A actuación tamén se completou coa reposición da sinalización horizontal no ámbito de intervención.