A Xunta remata as obras de mellora de seguridade na estrada autonómica OU-113 no treito coincidente co Camiño de Santiago ao paso polo concello de Laza

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2023 A Xunta vén de rematar as obras de reforzo da seguridade viaria na estrada OU-113 ao seu paso polo concello de Laza no treito coincidente co Camiño de Santiago.

Esta intervención na Vía da Prata executouse nun treito da estrada autonómica de algo máis de 1,2 km de lonxitude, desde o punto quilométrico 20+510 ao 21+760.

Executouse un tramo de cuneta transitable e unha senda peonil e reforzouse a sinalización horizontal e vertical neste tramo da vía.

O obxectivo é intensificar a seguridade neste tramo que discorre paralelo ao Camiño de Santiago e que carece de beirarrúa.

A intervención enmárcase no programa de 39 obras de mellora da seguridade viaria que a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a executar desde o pasado ano en cruzamentos ou treitos paralelos das rutas xacobeas coas estradas autonómicas, cun orzamento de preto de 1,8 M€.

 

O Goberno galego dálle así continuidade ás 70 obras que levou a cabo no ano 2021 nas estradas autonómicas nos treitos coincidentes coa traza do Camiño de Santiago e que supuxeron un investimento de 1,4 M€.